O Proceso

Na mañá do día 22 de xuño de 2011, as forzas da orde e seguridade do estado entraron nas casas de 12 activistas en distintos lugares do estado español (Madrid, Asturias, Euskadi e Galicia). Moitos destes activistas detidos ocupan cargos de grande responsabilidade nas organizacións Equanimal e Igualdad Animal. Outros colaboraron activamente no pasado con esas organizacións de defensa dos animais.

A incursión foi propia do que o Estado denomina «operacións antiterroristas», cortando as rúas imediatas aos domicilios, entrando fortemente armados e con pasamontañas nas vivendas particulares dalgúns destes, e mesmo nas casas das nais de dous dos activistas. Todo isto para realizaren un rexistro de varias horas, no cal lles requisaron ducias de computadores, discos duros, cámaras e diversos materiais que usan para o seu traballo diario en defensa dos animais.

Ao final do rexistro, os activistas foron levados en furgóns policiais a Santiago de Compostela, a Pontevedra e á Coruña, cidades onde pasaron tres días incomunicados nos calabozos e onde se puxeron en folga de fame, como protesta polas detencións.

Despois da detención nos calabozos, os once activistas (o décimo-segundo estaba fóra e entregouse posteriormente) foron levados ante o xuíz, quen lles tomou declaración. Tres deles foron enviados a prisión preventiva e o resto quedaron en liberdade con cargos.

No mércores 13 de xullo de 2011, na vista oral dos Xulgados de Santiago de Compostela, gañouse o recurso que esixía a liberdade dos tres activistas en prisión preventiva. Despois de 22 días en prisión, Olaia, Eneko e Eladio están agora en liberdade — aínda que tamén con cargos, coma os outros nove activistas.

Do que están acusados os inculpados?

Ata hoxe temos constancia de que se lles atribúen varios delitos; no entanto, este proceso está protexido pelo «segredo de sumario», de maneira que ninguén ten aínda acceso á información relativa ao número total de acusados, así como ás verdadeiras causas por que foron inculpados. Estamos á espera do día en que o xuíz que instrúe o caso levante o segredo xudicial e mostre as probas supostamente existentes contra os ditos activistas.

Algúns dos delitos están ligados ás soltas de visóns en masa, coas cales os activistas acusados non teñen ningunha relación.

Invasión de domicilio de persoa xurídica e revelación de segredos

Aos acusados tamén se lles atribúe o delito de invasión de domicilio («allanamiento de morada») de persoa xurídica e o de revelación de segredos.

Os activistas de Igualdad Animal e Equanimal si entraron en varias granxas e outros centros de explotación animal sen solicitaren permiso — e sen provocaren ningún dano — co obxectivo de documentar o que acontece neses centros de explotación animal.

Tamén teñen rescatado animais (que levaron para un lar seguro) á cara descuberta, no que se coñece no movemento dos Dereitos Animais como Rescates Abertos. A finalidade destes actos é dar a coñecer a horríbel realidade que padecen os animais. Se non se tivesen feito, a situación deses animais permanecería aínda oculta.

Os activistas de Equanimal e Igualdad Animal sempre realizaron as súas actividades coa cara descuberta, sen ocultaren a súa identidade. De feito, no seu traballo as dúas organizacións teñen invitado xornalistas a que os acompañen, e as súas actividades conseguiron unha ampla difusión nos medios de comunicación, tanto nacionais como internacionais.

Delitos de desorde pública

Algúns activistas son acusados de delitos de desorde pública.

Os activistas das dúas organizacións efectúan accións encadradas na desobediencia civil, isto é, accións — sempre non violentas — en que haxa unha disposición a incumprir as leis inxustas e a asumir de maneira consciente os posíbeis castigos que iso puidese acarrear.

Algunhas das accións de desobediencia civil das organizacións son, entre outras:

  • Sabotaxes pacíficas á caza, tentando evitar a morte de animais durante torneos de caza.
  • Irrupcións en pasarelas de moda e prazas de touros con pancartas.
  • Descensos de activistas con pancartas en prazas de touros e noutros lugares.

O obxectivo destas accións é transmitir á sociedade a mensaxe de que os animais deben ser tidos en conta porque tamén sofren e teñen interese polas súas vidas, tal coma nós.

Ademais destas accións, Igualdad Animal e Equanimal, organizacións que centran o seu traballo na concienciación social, usan outro tipo de ferramentas a fin de crear un debate social sobre a nosa relación cos animais. Algunhas delas son:

  • conferencias
  • mesas informativas na rúa
  • actos que atraian a atención dos medios

«Ecoterrorismo»: un termo inventado para criminalizar o movemento

Tanto os medios de comunicación como o propio xuíz que instrúe o caso, José Antonio Vázquez Taín, acusaron os activistas de exerceren «ecoterrorismo». Un novo termo, sen ningún tipo de validez xurídica, con que pretenden criminalizar o movemento de defensa dos animais.

O termo inventouse coa única pretensión de incluír calquera xénero de actividades que se fagan en defensa dos animais, deslexitimándoas do punto de vista social. Como exemplo cabe mencionar a AETA (Animal Entreprise Terrorism Act), unha lei federal dos Estados Unidos que prohibe todos os actos que poidan causar danos ou interferir nas industrias da explotación animal.

Todo isto é un claro despropósito e un intento de criminalizar un movemento que cada vez cobra máis forza e que está a pór en causa aqueles que se enriquecen coa explotación dos animais.

Xa hai unha persecución internacional contra o movemento:

1. O caso de SHAC, un grupo internacional que loita por fechar os laboratorios de Huntingdon Life Sciences. Os seus activistas pasaron ata sete anos no cárcere por manteren un sitio web.

2. O caso de Austria. Despois de dous anos de proceso (o máis caro na historia do país), varios activistas pertencentes a organizacións semellantes a Igualdad Animal e Equanimal foron absolvidos dos cargos que lles atribuían todo xénero de accións, coas cales non tiñan relación ningunha, nunha clara conspiración promovida polos grupos de presión das industrias da pel e da explotación animal.

Por que hai que reivindicar a lexitimidade do activismo en defensa dos animais?

Os medios de comunicación, de maneira case xeral e a pesar de non teren ningunha proba, violentaron os dereitos dos acusados ignorando por completo a suposición de inocencia e acusándoos de feitos cos cales non teñen ningunha relación. Ademais diso, algúns medios mentiron de forma descarada ao afirmaren que estas organizacións ensinaban a fabricar explosivos nas súas páxinas web, algo que é absolutamente falso.

Dada a falsidade das acusacións, parece que estas detencións responden a un interese en criminalizar o Movemento dos Dereitos Animais, interese que compartillan os sectores dedicados á explotación dos animais (como, por exemplo, o lobby das peles).

Ante isto temos que defender a plena lexitimidade do activismo que realizan Equanimal e Igualdad Animal. Estas organizacións cumpren un papel crucial ao sacaren á luz a realidade que padecen os animais, tarefa que no Estado español só elas están a facer. Por iso, é de interese xeral rexeitarmos as tentativas de deslexitimar e criminalizar este movemento; tentativas que son a mostra do que pode pasar cando o traballo de calquera persoa ou organización prexudica os intereses dos negocios fortes e influentes, como é o caso da industria das peles.